9 de mar. de 2016

10 DE MARZO DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Un pouco de historia: marzo de 1972

O día 7 de marzo o Sindicato Vertical asinara en Madrid un convenio interprovincial que non recoñecía as reclamacións dos traballadores de Bazán Ferrol de ter convenio propio. As factorías de Cartagena e Cádiz estaban controladas polo Sindicato Vertical e a de Ferrol por CC.OO. O 8 de marzo en asemblea os traballadores de Bazan Ferrol rexeitan o acordo. Acordouse unha nova asemblea de traballadores para o día 9.

A empresa respondeu despedindo a José María Riobó, Manuel Amor Deus, José Díaz Montero, Ramiro Romero, José Miguel Rey e Alfonso Couce, e prohibíndolles o acceso á factoría. Ramiro Romero foi agredido polos gardas de seguridade na entrada do estaleiro ao negarse a asinar a notificación da sanción. Situación que xera enfrontamentos entre traballadores e os gardas. Ao saberse o acontecido o paro foi total. Ás nove e media da mañá uns cinco mil traballadores concentráronse para exixir a anulación dos despidos e sancións aos gardas. O director falou cos traballadores sen aportar solucións. Os traballadores acordaron manterse concentrados ata que se atendan as súas peticións. Ás tres da tarde a dirección da empresa ameazou co desaloxo policial. Diante da negativa dos traballadores ás cinco da tarde cargou a policía pechándose a factoría. Os enfrontamentos continuaron xa na cidade e escoitáronse os primeiros disparos da policía.

O día 10 a prensa informou do acontecido. Do peche da empresa, as cargas policiais e os disparos contra os traballadores. Ás sete e media da mañá xuntáronse uns catro mil traballadores nas portas de Bazán pechadas. Decidiron ir en manifestación ata o polígono de Caranza, entón un barrio novo en construción, e alí xuntarse cos traballadores de Astano. Ao paso dos traballadores na Estrada de Castela ca Avenida das Pías a policía cargou contra os traballadores que responderon con pedras. A policía disparou contra eles. Dous traballadores morreron e medio cento quedaron feridos. A policía tivo que se retirar ao cuartel onde tiveron que defenderse de varios intentos de asalto. Os feridos non foron ao hospital por medo a ser detidos. Ao saberse o que estaba a acontecer as empresas da zona comezaron a pechar en folga solidaria. O goberno cortou as comunicacións por terra e telefónicas da cidade e un buque da Armada Española situouse fronte á ponte das Pías. Representantes dos traballadores entrevistáronse co capitán da Zona Marítima do Cantábrico para evitar a intervención militar. O exército permanece acuartelado e Ferrol é tomado pola Garda Civil e a Policía Armada con efectivos de León e Valladolid. O paro foi total ata o 20 de marzo en que volveu abrir Bazán. A nova tivo alcance mundial e apareceu nas portadas de The Guardian, Le Monde ou The New York Times.

Houbo dous traballadores mortos, Amador Rey e Daniel Niebla, 16 feridos de bala e ducias por outras lesións, 160 despedidos, 101 detidos, 60 encarcerados e 54 multados con entre 50.000 e 250.000 pesetas. Só se coñece unha imaxe do acontecido: unha foto onde se ve aos traballadores camiñando pola Estrada de Castela á altura do barrio de Recimil, uns minutos antes dos feitos. O acontecido o 10 de marzo de 1972 nunca foi levado aos xulgados e ninguén respondeu pola morte dos dous traballadores nin polos feridos.


5 comentarios :

  1. Anónimo9/3/16

    Tres días escondidos na casa sin poder sair. moita tela para un rapaz de 13 anos

    ResponderEliminar
  2. Anónimo9/3/16

    Que pouco merecemos a todos aqueles que tiveron que morrer polos dereitos dos traballadores. Aqueles eran "clase obreira" ou mellor dito "obreiros con clase!!!". Agora somos "clase ovina" e non me refiro a ovellas... refirome a BORREGOS!!!!

    ResponderEliminar
  3. Anónimo15/3/16

    Las niñas ya no quieren ser princesas, ni los obreros paletas.
    Es cierto, ya no queremos ser obreros, no queremos vestir el mono azul del régimen, no queremos que nos encuadren en tópicos como “curritos, donnadies, ignorantes o mal necesario”. Queremos recuperar la fuerza y unidad que movieron piedras tan grandes como la asociación sindical y el movimiento obrero. queremos gestionar nuestra dignidad y dejar de ser la voz en off que aburre a las ovejas. Hay que cambiar de letanía, hay que dar un giro a la izquierda. Hay que dar un sonoro y brutal golpe en la jeta.
    Porque con su indiferencia nos están humillando, disolviendo y condenando. Se nos acaba el tiempo. Si no reaccionamos ahora, terminarán con nuestra conciencia social. Porque no somos clase media, no somos clase baja, y nunca, repito nunca seremos clase alta. Somos clase obrera, pero ya no somos camaradas, ni siquiera compañeros, ahora solo somos parias obreros.

    ResponderEliminar
  4. Tes moita razón... anónimo... grazas polo teu comentario

    ResponderEliminar